Productos Locais

Os Grelos

O grelo é un dos produtos típicos da cociña galega. Nas pontes homenaxéaselle dende o ano 1981, todos os domingos do entroido, cunha Feira do Grelo que, co patrocinio do Concello das Pontes, o apoio dos agricultores da bisbarra, e das distintas asociacións culturais e gastronómicas, fan que o grelo, sexa un dos produtos estrela da gastronomía local.

As Mantecadas Pontesas

Elaboradas de forma totalmente tradicional igual que se facía hai un século, cando as mulleres das Pontes comezaron a facelos nas súas casas. Hoxe en día poderás encontrar este produto artesanal e pontés nas panadarías do pobo, acompañados dos polvoróns artesáns forman unha parella de doces que ningún visitante debe deixar de probar.

Os Fungos e Cogomelos

As Pontes é pioneira en Galicia no desenvolvemento e divulgación do consumo de fungos e cogomelos. Dende o ano 1989, o concello das Pontes leva promovendo estes produtos de forma activa mediante a celebración de actividades como saídas ao monte en busca de cogomelos, cursos e obradoiros de micoloxía, conferencias e charlas impartidas por especialistas e exposicións. A “Feira de Fungos e Cogomelos” celébrase no mes de novembro pechando unha semana de actividades arredor do mundo da micoloxía.

O Mel de Goente

Trátase dun mel natural, elaborado cos métodos tradicionais e que provén das abellas e das flores da zona. Goente é a parroquia das Pontes onde está situada “A Casa do Mel” coa función de divulgar e atraer o interese por este produto e pola forma de producilo.

O Queixo do Eume

As Pontes tamén conta co seu propio queixo, provinte das vacas que pastan nas ribeiras do río Eume. Trátase dun queixo sen curar, cremoso e cun toque de sal.