Concello das Pontes Contacto
As Pontes na web
Libro de visitas
Trámites e xestións
O Concello Descúbrenos O economía O lecer Novas

A televisión dos espectadores
Todo un arquivo para todo un Concello
Educando pola televisión, educando para a televisión
Radio Eume


As Pontes TV, un novo concepto de televisión local

As Pontes TV está á adaptarse á recente incorporación de tecnoloxía punteira e dun novo xeito de elaborar os seus contidos. Esta reestructuración permite ofrecer unha programación máis áxil, dinámica e rechamante tanto no que respecta ao tratamento da imaxe como á información ofrecida. Aínda que este novo tratamento da información vén de implantarse, xa se conseguiron resultados salientables.

Entre os principais cambios figuran a dotación dunha imaxe corporativa definida, caracterizada pola súa sinxeleza, que se aplica a todos os productos audiovisuais de As Pontes TV. No que respecta á elaboración dos contidos introduciuse a continuidade con fundidos a branco e a utilización dunha mesma tipografía para os diferentes programas. E todo isto coidando especialmente a montaxe e a posproducción da imaxe e do son. Un novo concepto de televisión local.


A televisión dos espectadores

As Pontes TV busca a implicación de todos os veciños do Concello na elaboración de contidos para a súa programación, que contan en todo caso co apoio técnico e material dos profesionais que traballan na cadea local.

Atendendo a este obxectivo manteranse xuntanzas con todos os grupos sociais do Concello, de cara a establecer primeiro canles de fluxo informativo normalizadas e eficaces que permitan atender rapidamente as súas demandas.

Nunha segunda fase da iniciativa serán os devanditos grupos os que acheguen ideas nas que eles mesmos haberán de implicarse co ánimo de emitilas, conseguindo deste xeito un aumento considerable da programación e unha grande diversidade de contidos.

Algunhas asociacións veciñais amosaron xa interese por desenvolver espacios propios nos que den a coñecer a súa historia e actividades, coa axuda do persoal de As Pontes TV e os medios materiais dos que dispón. Na medida en que vaian adquirindo coñecementos técnicos estes colaboradores poderán utilizar de xeito autónomo a tecnoloxía dispoñible.


Todo un arquivo para todo un Concello
Recentemente xurdiu a idea de recuperar material cinematográfico particular que quedou en desuso pola aparición do vídeo. Gracias á colaboración desinteresada dos veciños, en pouco máis de dous meses compilouse un arquivo dunhas dez horas filmado en 8 milímetros e Súper 8, en cor e branco e negro.

Nel mestúranse imaxes da vida pontesa, dende o ano 1963 ao 1981. O proceso de construcción da central térmica de Endesa, as primeiras excavacións da mina, a situación urbanística da vila nos anos 60, as procesións do Carme e as romarías da Fraga de varios anos son algúns dos temas que conforman o arquivo cinematográfico das Pontes, de grande valor histórico.

Anacos de historia e tamén curiosidades. No medio destas filmacións aparceu incluso a curtametraxe El Teléfono, unha xoia cinematográfica elaborada por un empregado da antiga ENCASO no ano 1972. Ademais recolléronse máis de 1.500 cintas de diferente formato, nas que se rexistran uns 10.000 documentos.

Este inmenso arquivo, catalogado na súa maioría, será proximamente dixitalizado en formato DVD por cuestións de espacio e de cara a garantir a súa conservación en óptimas condicións.


Educando pola televisión, educando para a televisión

De cara ao ano 2003 está previsto levar a cabo unha reconversión técnica que consistirá en dotar a televisión local aparellos de doado manexo. Estes cambios contemplarán ademais a formación dos veciños nuns coñecementos mínimos de linguaxe audiovisual, que eles mesmos poderán ampliar por medio das súas propias experiencias.

Neste sentido, un dos principais focos de actuación será o dos centros educativos, que non afondan suficientemente na formación en novas tecnoloxías da comunicación. En moitos casos os rapaces non aprenden nas súas escolas como funciona un medio audiovisual, ou mesmo como deben analizar criticamente os contidos que consumen. Tendo en conta estas carencias As Pontes TV procurará formar aos rapaces de cara a aproveitar ao máximo as posibilidades que se lles ofrecen de cara ao futuro.


Radio Eume
A emisora de radio municipal ten tamén por obxectivo a implicación do conxunto da poboación na elaboración dos diferentes espacios emitidos, facilitada nesta caso pola sinxeleza tácnica do medio. Así, o primeiro chanzo a acadar é a participación dos cidadáns en Radio Eume, que impulse o posterior salto á televisión.

Unha gran proporción da programación emitida por Radio Eume está xa na actualidade sostida polos seus colaboradores.



© Concello das Pontes